Ir ó contido

TEXTOS BÍBLICOS EXPLICADOS

Proverbios 3:5, 6 | “Non te apoies na propia intuición”

Proverbios 3:5, 6 | “Non te apoies na propia intuición”

 “Confía no Señor con todo o teu ser e non te apoies na propia intuición; teno en conta en tódolos teus camiños e El achanzará os teus vieiros” (Proverbios 3:5, 6, A Biblia, SEPT).

 “Confía en Xehová con todo o teu corazón e non te apoies no teu propio entendemento. Tómao en conta en tódolos teus camiños, e el fará rectas as túas sendas” (Proverbios 3:5, 6, Tradución do Novo Mundo).

Significado de Proverbios 3:5, 6

 Cando teñamos que tomar decisións importantes, temos que buscar a guía de Xehová a en vez de tomalas pola nosa conta.

 “Confía no Señor con todo o teu ser”. Demostramos que confiamos en Deus cando facemos as cousas á súa maneira. Temos que confiar completamente nel, con todo o noso ser ou corazón. Na Biblia, polo xeral, úsase a palabra corazón para referirse á persoa que somos por dentro. Isto inclúe as nosas emocións, motivos, pensamentos e actitudes. Por iso, confiar en Deus con todo o noso corazón é máis que un sentimento, é unha decisión que tomamos porque estamos completamente convencidos de que o noso Creador sabe o que é mellor para nós (Romanos 12:1).

 “Non te apoies na propia intuición”. Necesitamos confiar en Deus porque non podemos depender da nosa maneira de razoar, que é imperfecta. Se tomamos decisións que quizais ó principio parezan boas baseándonos só nos nosos sentimentos, poida que ó final nos acaben traendo moitos problemas (Proverbios 14:12; Xeremías 17:9). Ademais, Deus é moito máis sabio ca nós (Isaías 55:8, 9). Se nos deixamos guiar por el, iranos ben na vida (Salmo 1:1-3; Proverbios 2:6-9; 16:20).

 “Teno en conta en tódolos teus camiños”. Deberiamos ter en conta o que Deus opina sobre cada aspecto importante da nosa vida e tamén cando tomemos calquera decisión importante. Isto podemos conseguilo se lle pedimos en oración que nos guíe e se seguimos os consellos que nos dá na Biblia (Salmo 25:4; 2 Timoteo 3:16, 17).

 “El achanzará os teus vieiros”. Deus achanza, ou fai rectos, os nosos vieiros axudándonos a vivir segundo as súas xustas normas (Proverbios 11:5). Facendo iso, aforrámonos moitos problemas e somos moito máis felices (Salmo 19:8, 9 [19:7, 8, TNM]; Isaías 48:17, 18).

Contexto de Proverbios 3:5, 6

 O libro de Proverbios contén principios básicos para poder ter unha vida feliz que lle agrade a Deus. Os primeiros nove capítulos están escritos coma se un pai estivese aconsellando os seus fillos. O capítulo 3 destaca os beneficios de valorar e poñer en práctica os sabios consellos do Creador (Proverbios 3:13-26).

a Xehová é o nome persoal de Deus. Este nome tamén pode traducirse como Iavé (Isaías 42:8).