PREGUNTAS DA XUVENTUDE
Que efecto teñen en min as redes sociais?
Déixanche teus pais usar as redes sociais? Se é así, este artigo pode axudarche en tres campos importantes da túa vida.
Neste artigo imos ver:
Como lle afectan as redes sociais ó meu tempo?
Estar nas redes sociais é como montar un cabalo salvaxe. Se ti non as controlas, elas vante controlar a ti.
“Ás veces entro nas redes sociais, supostamente para estar só uns poucos minutos, pero cando me dou conta xa pasaron horas! As redes sociais poden ser moi aditivas e tamén unha perda de tempo” (Joanna).
Sabíalo? As redes sociais están deseñadas para ser aditivas. Os deseñadores saben que canto máis popular é un sitio e máis tempo pasa a xente nel, máis diñeiro pagan as empresas para anunciar os seus produtos.
Pregúntate: “Perdo con frecuencia a noción do tempo cando uso as redes sociais? Podería usar parte dese tempo en cousas máis produtivas?”.
O que podes facer. Ponte un límite de tempo para estar nas redes sociais e respéctao.
“Teño un reloxo no meu teléfono que me bloquea algunhas aplicacións despois de usalas por certo tempo. Ó principio tiven que ser estrita, pero despois fun quen de atopar un equilibrio entre usar as redes sociais e non perder o tempo nelas” (Tina).
Principio bíblico: “[Aproveita] ben este tempo” (Efesios 5:16).
Como lle afectan as redes sociais ó meu descanso?
A maioría dos expertos din que os adolescentes necesitan durmir polo menos oito horas cada noite. Pero moitos mozos dormen menos. O uso das redes sociais é unha das causas deste problema.
“Antes de ir durmir miro o teléfono por se teño algo importante. Pero entón vexo algo interesante e acabo perdendo unha chea de tempo vendo fotos nas redes sociais. Éche un mal costume que estou tratando de superar” (María).
Sabíalo? Non descansar o suficiente pode contribuír a que teñas ansiedade e depresión. Segundo a profesora de psicoloxía Jean Twenge, unha das principais causas polas cales a xente non está contenta e se sente ben, é a falta de sono. Ademais, ela explica que co tempo a falta de sono pode causar “graves problemas de saúde mental”. a
Pregúntate: “Cantas horas durmo cada noite? Ando polas redes sociais cando me debería estar relaxando e preparando para durmir?”.
O que podes facer. Deixa os dispositivos electrónicos fóra do cuarto pola noite. Sempre que sexa posible, non mires ningún tipo de pantalla dúas horas antes durmir. E se necesitas unha alarma para levantarte pola mañá, intenta usar unha que non sexa a do teléfono ou a da tableta.
“Ás veces quedo ata tarde vendo cousas no teléfono, pero estou intentando mellorar. Quero empezar a madurar e iso supón ser máis responsable. Púxenme como obxectivo ir antes para a cama e así poder estar ó 100% ó día seguinte” (Jeremy).
Principio bíblico: “[Asegúrate] de que cousas son as máis importantes” (Filipenses 1:10, TNM).
Como lle afectan as redes sociais ás miñas emocións?
Nun estudo, case a metade das rapazas adolescentes que participaron dixeron que “habitualmente se sentían tristes ou sen esperanza”. Parte da culpa pode ser das redes sociais. O doutor Leonard Sax di: “Canto máis tempo pasas nas redes sociais comparándote con outros, máis probable é que te sintas deprimido”. b
“É habitual que a xente nova se compare con outros e as redes sociais aínda o poñen peor. Podes gastar horas e horas vendo fotos doutros e comparándote con eles. Ou mesmo podes ver o ben que o pasan os teus amigos e sentir que te estás perdendo algo” (Phoebe).
Sabíalo? Aínda que as redes sociais poden axudarche a estar en contacto cos teus amigos, non hai nada mellor que falar en persoa. O doutor Nicholas Kardaras explica que falar con outros a través dos dispositivos electrónicos non nos fai tan felices como facelo en persoa. “Este tipo de relacións non satisfán a nosa necesidade de conectar en profundidade con outras persoas”. c
Pregúntate: “Síntome só despois de mirar o que están facendo os meus amigos? Penso que a miña vida é aburrida se a comparo co que ensinan os meus amigos nas redes sociais? Cando poño algo nas redes sociais e ten poucos ou ningún like, síntome desanimado?”.
O que podes facer. Intenta desconectarte das redes sociais durante uns días, unha semana o incluso un mes. Pasa máis tempo falando cos teus amigos por teléfono ou en persoa. É moi probable que despois deses días de desconexión sintas menos estrés e esteas máis feliz.
“Cando usaba as redes sociais pensaba demasiado no que facía outra xente. Despois de borrar as miñas contas, saquei un peso das costas. Agora teño máis tempo para facer cousas máis produtivas” (Briana).
Principio bíblico: “Bote contas cadaquén sobre os propios feitos, e daquela terá en si e non nos outros razón para estar satisfeito” (Gálatas 6:4).