Ir ó contido

A BIBLIA CAMBIOULLES A VIDA

“Agora si que che son rico”

“Agora si que che son rico”
  • Ano de nacemento: 1968

  • País de orixe: Os Estados Unidos

  • Outros datos: Home de negocios que rezaba para chegar a ser rico

O MEU PASADO

 Fun criado como católico en Rochester (Nova York). Meus pais separáronse cando eu tiña oito anos. Así que vivía con miña nai de luns a venres nun deses grupos de vivendas sociais para xente moi pobre, e con meu pai as fins de semana nun barrio de ricos. Como vía a loita de miña nai por criarnos a seis fillos, soñaba con facerme rico e así axudar os meus.

 Meu pai quería que triunfase así que me levou a visitar unha prestixiosa escola de hostalería. O que vin encantoume, e matriculeime. Pensei que esa era a resposta de Deus ás miñas oracións nas que pedía facerme rico e ser feliz. Namentres traballaba nun hotel casino en Las Vegas (Nevada), estudei administración de hoteis, dereito mercantil e finanzas empresariais durante cinco anos.

O meu traballo consistía en atender os xogadores con moitos cartos

 Con 22 anos xa era vicepresidente adxunto dun hotel casino. Considerábanme un home rico, un triunfador. Comía a mellor comida, bebía os mellores viños e os licores máis caros. Os meus amigos da empresa dicíanme: “Non deixes de centrarte no que fai xirar o mundo: o diñeiro”. Na súa opinión o segredo da verdadeira felicidade estaba nos cartos.

 O meu traballo consistía en satisfacer tódolos antollos da xente rica que viña xogar a Las Vegas. Ter tiñan moitos cartos, pero non parecían felices. Co tempo eu tamén comecei a non sentirme feliz. Cantos máis cartos gañaba, máis medraban as miñas preocupacións e peor durmía. Ata pensei en acabar coa miña vida. Totalmente desilusionado, oreille a Deus e pregunteille: “Como podo atopar a verdadeira felicidade?”.

O EFECTO DA BIBLIA NA MIÑA VIDA

 Naquel tempo dúas das miñas irmás, que eran testemuñas de Xehová, mudáronse a Las Vegas. Inda que non quixen ler as publicacións que me ofrecían, si que aceptei ler a miña Biblia con elas. Na miña Biblia, as palabras de Xesús estaban impresas en vermello. Eu tomaba en serio todo o que Xesús dixo, así que miñas irmás falábanme principalmente do que el ensinou. Tamén lía a Biblia pola miña conta.

 Chamáronme a atención moitas das cousas que lin. Por exemplo, Xesús dixo: “Cando preguedes no latriquedes coma os xentís; pois coidan que por falar dabondo teñen de ser ouvidos” (Mateo 6:7, AGL). Porén, un cura dérame unha estampa de Xesús e dixérame que se lle rezaba dez nosopais e dez avemarías, Deus daríame os cartos que precisase. Pero, non era repetir as mesmas palabras unha e outra vez latricar? Tamén lin estoutras palabras de Xesús: “Nin chamedes pai voso á ninguén na terra, porque un soio é o Pai de vos todos: o do ceo” (Mateo 23:9, AGL). Entón pregunteime: “E logo, por que os católicos lles chamamos padre ós nosos curas?”.

 Foi ó ler o libro bíblico de Santiago cando me puxen a pensar en serio no que estaba a facer coa miña vida. No capítulo 4 di: “¿Non sabedes que o amor do mundo é enemizade con Deus? Quen queira ser amigo do mundo faise nemigo de Deus”. Tamén me sacudiu o versículo 17: “O que sabe, pois, obrar ben, e non o fai, ise é reu de pecado” (Santiago 4:4, 17, AGL). Chamei polas miñas irmás e díxenlles que ía deixar de traballar nos casinos porque coidaba que iso me facía participar en cousas que non estaban ben, como xogar por diñeiro e a cobiza.

“Foi ó ler o libro bíblico de Santiago cando me puxen a pensar en serio no que estaba a facer coa miña vida”

 Quería mellorar a miña relación con Deus, e tamén cos meus pais e cos meus irmáns. Para iso precisaba ter máis tempo, así que decidín simplificar a miña vida. Pero non foi doado. Por exemplo, recibín ofertas moi tentadoras para ascender no negocio dos casinos e dobrar ou ata triplicar o meu salario. Oreille a Deus sobre este asunto e decidín que esa non era vida para min. Deixei o meu traballo, instaleime no garaxe de miña nai e montei un pequeno negocio de plastificado de menús para restaurantes.

 Inda que grazas á Biblia reordenei as miñas prioridades na vida, eu non ía ás reunións das testemuñas de Xehová. Así que as miñas irmás preguntáronme o por que. Respondinlles: “É porque ese voso Deus, Xehová, separa as familias. O único tempo que lle podo dedicar á familia é no Nadal e nos aniversarios de nacemento, e vós non celebrades estas festas”. Unha das miñas irmás botouse a chorar e díxome: “E logo, onde estás os demais días do ano? Nós agardámoste cos brazos abertos calquera día. Pero só queres vir neses datas e só por obriga”. As súas palabras chegároncheme ó corazón, e boteime a chorar con ela.

 Decateime do equivocado que estaba e de que as testemuñas de Xehová queren as súas familias. Así que decidín ir a unha das reunións no Salón do Reino. Alí coñecín a Kevin, que era un mestre da Biblia con moita experiencia. Así que comecei a estudar a Biblia con el.

 Kevin e maila súa muller levaban unha vida equilibrada, sinxela, para así teren máis tempo e axudarlles a máis persoas a coñecer a Biblia. Inda que gañaban pouco, xuntaron cartos para viaxar a África e América Central e axudaren a construír sucursais das Testemuñas de Xehová. Eran felices e queríanse moito. Pensei: “Esta é a vida dos meus soños”.

 Kevin amosoume un vídeo sobre as alegrías que dá servir de misioneiro. En vendo o felices que eran, decidín que iso era o que eu desexaba facer. Púxenme a estudar a Biblia en serio e bauticeime como testemuña de Xehová en 1995. As miñas oracións cambiaron. En vez de rezarlle a Deus para que me dese riquezas, comecei a pedirlle: “Non me deas nin pobreza nin riqueza” (Proverbios 30:8).

OS BENEFICIOS

 Agora si que che son rico, non por ter cartos, senón por mor da miña amizade con Deus e por ter unha vida feliz. Coñecín a miña fermosa muller, Nuria, en Honduras e servimos xuntos como misioneiros en Panamá e despois en México. Sonche ben certas as palabras da Biblia: “É a bendición do Señor a que fai rico” (Proverbios 10:22).