“Estiven esperando pola túa chamada”
Ed e a súa muller, Jennie, probaron por primeira vez a predicación telefónica no ano 2010. a “Non me gustou nadiña así que lle dixen ó meu home que non o faría nunca máis!”, di Jennie. As sensacións de Ed eran moi parecidas. El explica: “Non me gusta recibir chamadas nas que me intentan vender algo, así que non me imaxinaba predicando por teléfono por se a xente me confundía cun vendedor”.
Despois chegou a COVID-19 e as testemuñas de Xehová deixaron de predicar de casa en casa. Pero obedecendo o mandato de Xesús de ensinar as boas noticias, seguiron predicando sobre todo por carta e por teléfono (Mateo 24:14; 28:19, 20). Ó mesmo tempo, as reunións e as reunións para predicar comezaron a facerse por videoconferencia. Un día, Ed armouse de valor para intentar predicar por teléfono de novo. Como se sentiu cando ía facer a primeira chamada? El conta: “Estaba moi nervioso, así que lle pedín axuda a Xehová en oración! Logo fixen a chamada e así foi como coñecín a Tyrone”. b
Tyrone e a súa muller, Edith, viven na zona rural de Kentucky (Os Estados Unidos). Aínda que Tyrone ten 83 anos, aceptou estudar a Biblia con Ed por teléfono. Como non ve moi ben, usa unha lupa para preparar as clases.
Ó redor dun mes máis tarde, Tyrone e Edith comezaron a asistir ás reunións de congregación. Como non tiñan conexión a Internet, conectábanse por teléfono. Que fixo que Edith se interesase na verdade?
Durante o estudo, Ed e Jennie escoitaban como Edith axudaba polo baixiño a Tyrone a atopar as respostas dos parágrafos e os textos da Biblia, pero non ía máis aló. Jennie conta: “Polo seu ton de voz démonos conta de que estaba moi triste, pero nin Ed nin eu sabiamos o motivo”.
Un día, Jennie sentiu que tiña falar con Edith. Así que, cando lle pareceu que era un bo momento, pediulle o teléfono a Ed para falar con ela. Cando chamou a Tyrone explicoulle que escoitaba a súa muller falar polo baixiño durante o estudo. Por iso lle quería preguntar a Edith se algún día lle gustaría ler da Biblia ou facer un comentario nun estudo.
Logo dunha pequena pausa, Edith púxose ó teléfono e díxolle cun fío de voz: “Eu tamén quería falar contigo. Son testemuña de Xehová e levo inactiva 40 anos”.
Jennie dixo sorprendida: “Pero es a miña irmá!”. E as dúas empezaron a chorar.
Pouco despois, Ed deulle a Edith un exemplar do folleto Volve a carón de Xehová. Nas seguintes semanas, Ed e Jennie viron un cambio positivo en Edith. “Ó principio, notabamos a súa voz triste pero agora hai vida nela” comenta Ed. Edith comezou a acercarse de novo a Xehová e agora é unha publicadora feliz das boas noticias. O seu home bautizouse como testemuña de Xehová en xullo de 2022.
Cando Ed recorda o que sentía pola predicación telefónica, vénlle á mente unha conversación que tivo con Tyrone. Despois de lerlle Xoán 6:44 e explicarlle que é Xehová quen trae a xente á verdade, Tyrone estivo de acordo e díxolle: “Eu estiven esperando pola túa chamada”. Jennie tamén está encantada de que ela e o seu home se armasen de valor para predicar por teléfono a pesar dos seus nervios. Está claro que cando intentamos facer algo por Xehová que é difícil para nós, el bendícenos.