A pesar dos problemas de saúde, sempre mira polos demais
Maria Lúcia, unha irmá do Brasil, padece a síndrome de Usher. Trátase dunha enfermidade xenética que provoca xordeira e a perda progresiva da visión. Maria Lúcia naceu xorda e aprendeu linguaxe de signos de nena. Despois, cando tiña uns 30 anos, comezou a perder tamén a visión. Pero ela non se illou a pesar dos desafíos. Agora, con máis de 70 anos segue tendo unha vida feliz e con propósito.
Maria Lúcia coñeceu as testemuñas de Xehová no ano 1977, antes de empezar a perder a vista. Ela explica: “Atopeime con Adriano, un antigo compañeiro de clase que recentemente se fixera testemuña de Xehová. El faloume da promesa de Deus para o futuro, onde a Terra será un paraíso e tódalas persoas poderemos desfrutar de saúde perfecta. Quedei tan impresionada co que me dixo que aceptei un curso da Biblia. Pouco tempo despois, comecei a reunirme nunha congregación do Río de Xaneiro onde algunhas reunións se interpretaban en linguaxe de signos. Coa axuda de Xehová, progresei espiritualmente e bauticeime en xullo de 1978”.
Despois dun tempo, Maria Lúcia cambiouse para unha congregación na que non había ninguén que soubese linguaxe de signos. Ó principio, iso foi un desafío porque non podía entender o que se estaba dicindo nas reunións. Pero dúas irmás axudáronlle. Sentábanse con ela no Salón do Reino e escribían notas para explicarlle o que se dicía. Maria Lúcia conta: “Na casa podía ler as notas unha e outra vez para entender a ensinanza. Despois, estas dúas irmás aprenderon linguaxe de signos e fixéronse as miñas intérpretes”.
Cando a vista de Maria Lúcia empeorou, xa non puido ver máis os signos que lle facían as intérpretes. Así que comezou a usar a linguaxe de signos táctil para comunicarse. En que consiste? Ela explica: “Eu poño as miñas mans nas mans da persoa que está interpretando para min. Así podo recoñecer os signos que me fai o intérprete”.
Maria Lúcia agradece moito o traballo que fan as súas intérpretes. Ela di: “Son un fermoso regalo de Xehová. Coa súa axuda, podo sacar proveito das reunións de congregación e dos congresos”.
Maria Lúcia mantense activa no ministerio. Usando a linguaxe de signos táctil ela predícalles ós xordos, que quedan moi impresionados polos esforzos que fai para levarlles as boas noticias. Durante a pandemia da COVID-19, Maria Lúcia escribiulles moitas cartas ós xordos coa axuda do seu irmán José Antônio, que tamén é xordo e cego. a
Como o consegue? Ela explica: “Utilizo un anaco de plástico con forma de L para axudarme a escribir en liña recta e para facer parágrafos. José Antônio ten moi boa memoria, así que propón temas e textos bíblicos que eu inclúo nas cartas. Intento escribir dunha maneira que os xordos me entendan, porque non tódolos xordos están afeitos á linguaxe escrita”.
Aínda que agora Maria Lúcia está completamente cega, segue sendo moi traballadora. Karoline, unha das súas intérpretes, di: “Maria Lúcia fai tódalas tarefas domésticas e mantén a súa casa limpa e ordenada. Encántalle preparar comidas e compartilas cos seus amigos”.
Jefferson, un ancián da congregación de Maria Lúcia, engade: “Maria Lúcia ten un profundo amor por Xehová e polas persoas. Sempre está facendo cousas por outros e mirando polos demais” (Filipenses 2:4).
a José Antônio fíxose testemuña de Xehová despois de Maria Lúcia e bautizouse no 2003. Igual que Maria Lúcia, el naceu xordo e co tempo perdeu a vista.