Por que as testemuñas de Xehová rechazan respectuosamente participar en cerimonias nacionalistas?
As testemuñas de Xehová respectan os gobernos e os seus símbolos nacionais. Respectamos que outros saúden a bandeira, lle fagan un xuramento de lealdade ou canten o himno nacional.
Con todo, as testemuñas de Xehová decidimos non participar nestas cerimonias porque cremos que están en contra do que ensina a Biblia. Aínda así, tratamos con respecto os que escollen participar e agradecemos o mesmo trato polas nosas crenzas.
Neste artigo responderemos as seguintes preguntas:
Que principios da Biblia están implicados?
Baseamos a nosa decisión nos seguintes dous principios da Biblia:
Soamente Deus merece a nosa adoración. A Biblia di: “Adorara-lo Señor, o teu Deus, e só a El darás culto” (Lucas 4:8). Os xuramentos á bandeira e os himnos nacionais en moitas ocasións conteñen promesas de que unha persoa apoiará e amará o seu país por enriba de calquera outra cousa. Por iso, as testemuñas de Xehová non podemos participar coa conciencia tranquila nesas cerimonias.
As testemuñas de Xehová tamén pensamos que saudar a bandeira representa un acto de adoración ou idolatría, algo que a Biblia prohibe (1 Corintios 10:14). Algúns historiadores recoñecen que as bandeiras, en realidade, son símbolos relixiosos. O historiador Carlton J. H. Hayes escribiu: “A bandeira nacional é o principal símbolo e, tamén, o obxecto central de culto”. a Falando dos primeiros cristiáns, o escritor Daniel P. Mannix dixo: “Os cristiáns negáronse [. . .] a sacrificarse polo emperador [romano], o que hoxe sería equivalente a negarse a saudar a bandeira”. b
As testemuñas de Xehová non saudamos a bandeira, pero non a tratamos mal, non a queimamos e tampouco lle faltamos ó respecto, nin a ela nin a ningún outro símbolo nacional.
Tódolos seres humanos son iguais ante Deus (Feitos 10:34, 35). A Biblia di que Deus “dun só home quitou a raza humana” (Feitos 17:26). Por iso, as testemuñas de Xehová pensamos que non está ben tratar as persoas dunha nacionalidade ou dun grupo étnico concreto como superiores. Máis ben, respectamos a tódalas persoas sen importar de onde sexan ou onde vivan (1 Pedro 2:17).
Que ocorre se unha lei nos obriga a participar?
As testemuñas de Xehová non nos opoñemos ós gobernos. Cremos que son unha “disposición de Deus”, é dicir, Xehová permite que existan como parte dunha orde que el mesmo estableceu (Romanos 13:1-7). Tamén cremos que os cristiáns debemos obedecer as autoridades segrares (Lucas 20:25).
Pero, que ocorrería se as leis do goberno nos piden facer algo que Deus non aproba? Nalgúns casos, é posible presentar unha solicitude oficial ó Goberno para pedir un cambio nas leis. c Agora ben, cando non é posible un cambio, as testemuñas de Xehová escollemos con respecto “obedecer a Deus antes cós homes” (Feitos 5:29).
Promoven as testemuñas de Xehová cambios sociais ou políticos?
Non. As testemuñas de Xehová non participamos en asuntos sociais e políticos. O motivo polo que nos negamos a saudar a bandeira, xurarlle lealdade ou cantar o himno nacional non é porque sexamos activistas políticos, senón porque nos guiamos polos principios da Biblia que falan sobre estas cerimonias.
a Essays on Nationalism, páxinas 107-108.
b The Way of the Gladiator, páxina 212.
c Por exemplo, podes ler o artigo “La valentía y la conciencia de unas niñas sentaron un precedente hace setenta y cinco años”.