Que pensan as testemuñas de Xehová acerca de saír con alguén?
As testemuñas de Xehová cremos que as normas e principios que se atopan na Biblia poden axudarnos a tomar decisións que comprazan a Deus e nos beneficien (Isaías 48:17, 18). Nós non inventamos estas normas e principios, pero queremos practicalos nas nosas vidas. Vexamos algúns relacionados co tema de saír en parella. a
O matrimonio é unha unión de carácter permanente (Mateo 19:6). As testemuñas de Xehová pensamos que saír con alguén é un paso que se debe dar con vistas ó matrimonio; por iso o vemos como algo serio.
Só deben saír en parella as persoas coa idade e madurez suficientes como para casar. Por iso é importante comezar a saír con outras persoas unha vez pasados os anos en que os impulsos sexuais son máis fortes (1a Corintios 7:36).
Para saír con alguén, un debe estar libre para casar. Algunhas persoas divorciadas legalmente non están libres para volver casar dende o punto de vista de Deus, quen considera que o único motivo válido para o divorcio é o que a Biblia chama “fornicación”, ou porneia, que abrangue unha serie de prácticas sexuais fóra do matrimonio (Mateo 5:32; ver nota).
A Biblia ensina que os cristiáns que queren casar deben facelo con alguén que comparta as súas crenzas (1a Corintios 7:39). As testemuñas de Xehová entendemos que este mandato vai máis aló de buscar unha parella que respecte as nosas crenzas, senón que tamén as practique e estea bautizada como testemuña de Xehová (2a Corintios 6:14). Isto é algo que Deus sempre pediu dos seus servos (Xénese 24:3; Malaquías 2:11). De feito, algúns expertos no tema recoñecen a utilidade de tal mandato. b
Os fillos deben obedecer os seus pais (Proverbios 1:8; Colosenses 3:20). Isto significa que, mentres vivan na casa familiar, deben obedecer as decisións dos seus pais con respecto ó tema das citas como, por exemplo, a que idade poderán comezar a saír con alguén e baixo que condicións.
Sempre que cumpramos coas pautas que aparecen na Biblia, as testemuñas de Xehová somos libres para decidir se queremos saír con alguén e con quen. Tal e como afirma a Biblia: “Cadaquén ten que leva-lo seu fardel” (Gálatas 6:5). Con todo, é moi recomendable pedirlle opinión a algunha testemuña de Xehová madura que saibamos que se preocupa pola nosa felicidade (Proverbios 1:5).
Na Biblia cualifícanse como pecado grave moitas das prácticas sexuais habituais entre persoas que saen xuntas. Por exemplo, prohibe unha serie de condutas que Deus non aproba, non só o acto sexual en si, senón outras prácticas sexuais fóra do matrimonio, tales como o sexo oral, anal ou a manipulación dos xenitais (1a Corintios 6:9-11). Mesmo calquera conduta fóra do matrimonio que poida levar a algunha destas prácticas é considerada impura por Deus (Gálatas 5:19-21). A Biblia tamén desaproba as conversas de contido sexual obsceno (Colosenses 3:8).
A Biblia explica que o noso corazón nos pode traizoar e levarnos a facer cousas que sabemos que están mal (Mateo 15:19). Para evitar que isto pase, as parellas que estean saíndo xuntas farán ben en evitar quedar sós en situacións que os poidan levar a sentirse tentados. É importante que tomen certas precaucións, tales como ir acompañados doutra persoa ou saír en grupo (Proverbios 28:26). Os cristiáns solteiros que desexen casar deberían ter en conta os perigos asociados ás páxinas web para buscar parella, especialmente no que se refire a comezar unha relación con alguén do que saben moi pouco (Salmo 26:4).
a Saír en parella é habitual nalgunhas culturas, mais non en todas. A Biblia non di que debamos saír en parella ou que este sexa o único xeito de contraer matrimonio.
b Por exemplo, un artigo comentaba o seguinte: “Tres diferentes estudos demostran que ter unha orientación, unha fe e unhas crenzas relixiosas semellantes son un factor chave na duración dos matrimonios que levan moitos anos casados (25-50 anos ou máis)” (Marriage & Family Review, 2005, vol. 38, núm. 1, páx. 88).