Que opinan as testemuñas de Xehová da unión de fes?
Como testemuñas de Xehová, desfrutamos falando de temas relixiosos con xente de tódalas relixións. Non obstante, non practicamos a unión de fes, é dicir, non nos unimos no culto a Deus que practican as persoas doutras crenzas. A Biblia ensina que unha clave para que os cristiáns estean unidos é compartir o mesmo conxunto de crenzas relixiosas (Efesios 4:16; 1 Corintios 1:10; Filipenses 2:2). Isto implica algo máis que estarmos de acordo en valores fundamentais como a importancia do amor, a compaixón e o perdón. As nosas crenzas son froito dunha profunda investigación das ensinanzas da Biblia. Sen este coñecemento, a nosa fe non serviría de nada (Romanos 10:2, 3).
A Biblia compara adorar a Deus xunto a xente doutras crenzas con estar baixo un xugo desigual e, por tanto, prexudicial para a fe dun cristián (2 Corintios 6:14-17). Por iso Xesús non lles permitiu practicar a unión de fes ós seus discípulos (Mateo 12:30; Xoán 14:6). Do mesmo xeito, a lei que Deus deu a través de Moisés prohibíalles ós israelitas daquel tempo unirse ós pobos veciños na adoración dos seus deuses (Éxodo 34:11-14). Máis tarde, os israelitas fieis rexeitaron unha oferta de axuda que crearía alianzas relixiosas con xente que tiña outras crenzas (Esdras 4:1-3).
Falan as testemuñas de Xehová con xente doutras crenzas?
Si. Coma o apóstolo Paulo, cando predicamos queremos entender as crenzas e a forma de pensar do maior número de persoas posible (1 Corintios 9:19-22). Nas nosas conversas, esforzámonos por aplicar o consello da Biblia de tratar con respecto a outra persoa (1 Pedro 3:15).