Achegamos a mensaxe da Biblia ós sinti e romanís en Alemaña
En Alemaña viven decenas de miles de persoas que pertencen ós colectivos sinti e romaní. a Recentemente, as testemuñas de Xehová publicaron folliñas, folletos e vídeos baseados na Biblia en romaní, a súa lingua materna. b
En setembro e outubro de 2016 as testemuñas de Xehová organizaron unha campaña especial para compartir esta información cos sinti e os romanís en varias cidades de Alemaña, entre elas Berlín, Bremerhaven, Friburgo, Hamburgo e Heidelberg. Tamén celebraron reunións en romaní abertas ó público nas súas Salas de Reunións.
Unha resposta inesperada
Moitos sinti e romanís quedaron impresionados coa campaña das testemuñas de Xehová. Andre e Esther, unha parella que participou nesta campaña, dixeron: “Estaban encantados co esforzo especial que fixemos por achegarnos a eles”. A moitos deles impactoulles escoitar e ler a mensaxe da Biblia na súa lingua materna. Ó ver o vídeo Por que estudar a Biblia?, unha muller xove non paraba de repetir: “Este é o meu idioma!”.
Matthias, que participou na campaña en Hamburgo, dixo: “A miña muller e mais eu estabamos nun grupo de oito testemuñas de Xehová que visitou unha zona onde viven uns catrocentos sinti e romanís. Tódalas persoas coas que falamos pedíronnos publicacións”. Bettina, que tamén foi unha das voluntarias en Hamburgo, engade: “Algúns choraban cando vían que as testemuñas de Xehová produciran publicacións en romaní”. Moitos mesmo comezaban a lelas en alto nese momento, e algúns collían exemplares para os seus amigos.
Moitas persoas aceptaron a invitación para as reunións. Dos 94 asistentes en Hamburgo, a maioría nunca entrara nunha Sala de Reunións. En Reilingen, preto de Heidelberg, asistiron 123 persoas. Despois da reunión, cinco solicitaron un curso bíblico.
Durante a campaña, as testemuñas de Xehová distribuíron preto de tres mil folliñas e folletos. Conversaron con máis de trescentas sesenta persoas, e dezanove comezaron a estudar a Biblia. Algúns deles comentaron: “Que ben que Xehová se achegou a nós”.
a Os sinti son unha poboación minoritaria que vive no oeste e no centro de Europa. Neste artigo, o termo romaní refírese a unha poboación orixinaria do leste e sueste de Europa.
b A Encyclopedia Britannica Online destaca que o idioma romaní componse de “sesenta ou máis dialectos moi diferentes”. Para simplificar, neste artigo a palabra romaní fai referencia ó idioma falado polos sinti e os romanís que viven en Alemaña.