Levamos a mensaxe da Biblia ás comunidades aborixes do Canadá
No Canadá, fálanse máis de 60 linguas aborixes, ou indíxenas; e uns 213.000 canadienses consideran algunha delas a súa lingua materna.
A fin de chegar ós corazóns dos nativos da zona, moitas testemuñas de Xehová están aprendendo algunha desas linguas. Para finais de 2015, máis de 250 persoas completaran un curso de linguas aborixes organizado polas Testemuñas de Xehová.
Ademais, as Testemuñas de Xehová traduciron publicacións baseadas na Biblia, incluídos algúns vídeos curtos, a oito destes idiomas: algonquino, cree das chairas, cree dos pantanos occidental, inuktitut, mohaqués, odawa, oyibua setentrional e pesnegros. a
Os que se deciden a aprender unha destas linguas recoñecen que ten os seus retos. Carma conta: “Cando comecei a colaborar co equipo de tradución ó pesnegros sentíame coma se traballase cos ollos vendados. Non coñecía ben o idioma. Nin sabía lelo, nin tampouco recoñecía ningún dos seus sons”.
“Ten moitas palabras longas e difíciles de pronunciar”, afirma Terence, que traballa no equipo de tradución ó cree dos pantanos occidental. Daniel, un evanxelizador a tempo completo da illa de Manitoulin, en Ontario, di: “Non dispoñemos de moitos dicionarios ou gramáticas. A mellor maneira de aprender odawa é atopar algunha persoa de idade avanzada que che ensine a falalo”.
Pagará a pena todo este traballo? Unha muller da etnia oyibua salientou que o labor das testemuñas de Xehová con referencia ás linguas indíxenas fainos diferentes doutras relixións. Comentou que, ó ir de casa en casa visitando as persoas léndolles da Biblia en oyibua, as testemuñas de Xehová axudábanas a sentirse máis cómodas conversando acerca de temas bíblicos.
Bert , un tradutor que se criou na reserva da tribo blood, en Alberta, conta: “Teño visto moita xente da tribo dos pesnegros coller unha das nosas publicacións e abrazala dicindo: ‘Esta é a miña lingua. Isto é para min!’. Xa non sería a primeira vez que vexo como se lles enchen os ollos de bágoas ó mirar un dos nosos vídeos no seu idioma”.
Unha muller que fala cree quedou moi agradecida polo vídeo Por que estudar a Biblia?, dispoñible na súa lingua materna. Dixo que se sentira coma se fose a súa nai a que lle estaba a falar.
Dispostos a chegar ata os recunchos máis afastados
Co obxectivo de compartir a consoladora mensaxe da Biblia coas comunidades aborixes, moitas testemuñas de Xehová están facendo grandes esforzos. Terence e maila súa muller, Orlean, lembran unha das súas viaxes. Eles relatan: “Eramos unha expedición formada por varios coches. Conducimos durante doce horas por estradas xeadas ata chegar á pequena reserva de Little Grand Rapids. A resposta daquela xente á mensaxe bíblica foi abraiante!”.
Outros deixaron quedar atrás a comodidade dos seus fogares para vivir máis preto destas comunidades. Despois de gozar dunha campaña especial de predicación na illa de Manitoulin durante tres meses, Daniel e a súa muller, LeeAnn, decidiron ir vivir aló. Daniel explica a razón: “Para nós é importante dispoñer de máis tempo para gañar a confianza da xente da zona e cultivar o seu interese pola mensaxe”.
“Porque lles quero de verdade”
Por que as testemuñas de Xehová se esforzan deste xeito por chegar ás comunidades aborixes? A muller de Bert, Rose, explícao así: “Quero axudar a estas persoas porque eu tamén son indíxena, e sei por experiencia propia canto beneficia poñer en práctica as ensinanzas e consellos da Biblia”.
“Quero que o pobo cree teña a oportunidade de recibir a guía do noso Creador. É un pracer axudar a estas persoas a ser amigas de Xehová e a afrontar os seus problemas”, di Orlean.
Marc traballa no equipo de tradución ó pesnegros. Por que se esforza tanto por levar a mensaxe da Biblia ós membros da súa comunidade? El contesta: “Porque lles quero de verdade”.
a Algunhas destas linguas aborixes tamén contan con comunidades de falantes nos Estados Unidos.